«Longa noite de pedra» Diario de lectura

Longa noite de pedra

Celso Emilio Ferreiro

Longa noite de pedra é a obra máis representativa e importante de Celso Emilio Ferreiro, publicada en 1962 e encadrada dentro da lírica galega da posguerra.

En realidade, a min non me gusta moito ler poesía, se podo elixir sempre me decanto pola narrativa, ou incluso polo teatro. Ademais, non teño práctica á hora de ler un poemario porque non lin moitos. A pesar diso, comezo o libro con esperanzas de que me sexa fácil de ler e me entreteña.

A impresión que teño despois de ler o primeiro poema é de tristeza e compaixón. Imaxino un pobo triste, escuro, sen vida…. O segundo xunto co terceiro, faime ver o gran cambio que lles tocou vivir a esas xeracións. Como todo pasou de ser ledo, agarimoso, alegre… a ser simplemente pedra, represión, medo… En xeral podo sentir o cambio que produciu a guerra na sociedade.

O cuarto poema segue transmitindo sufrimento e impotencia, é unha representación da guerra. Lume, bágoas, cárcere, coitelos, sangue… son as palabras máis soantes e ilustrativas para describirnos a situación desta época.

En “SPIRITUAL” xa se nota un ambiente, aínda que cargado de tristura, máis esperanzado. E, os poemas que o seguen teñen unha temática común, transmiten sentimentos semellantes.

Chegando a “MENTRES IMOS ANDANDO” podo ver como todo vai fuxindo, os mortos, as “froles que amaba”, as ondas do mar… como todo vai quedando atrás mentres os que quedan teñen que loitar por vivir.

Nos dous poemas seguintes podemos ver como o sentimento que envolve a ambos é o medo, sobre todo no segundo. Podo ver neles a realidade na que vivían, onde non podían abrir boca porque ao final todo se sabería e serían castigados.

En “AIRE PURO” podo sentir como a noite é o terror, o medo a que che maten ou maten aos teus, mais pola contra, podo dicir que a primeira luz do día é a esperanza das familias, o sentir que sobrevivistes un día máis e que a túa vida vai sendo máis longa.

Tamén podo ollar como a vida do traballador era unha miseria, toda a vida deixando o teu esforzo para que finalmente non teñas nada, que se enriquezan sempre os mesmos á túa costa e non poidas dicir que algo, por ben pequeno que sexa, sexa teu.

Lendo “SOMBRA” e “CARTA A MIÑA MULLER” corróeme un sentimento que xorde da mestura entre a tristura e a ledicia, e digo ledicia ao ler a esperanza do mozo que lle escribe á súa muller e lle dá consellos para así chegar algún día a ser felices. Mais ao mesmo tempo sinto a tristura dunha muller que di que xa non é a mesma porque a súa familia xa non está, a parte dela que a fai completa foise, deixándoa a medias.

“GABANZAS DOS CANTEIROS” por unha parte transmíteme a dureza da clase obreira galega xunto co dura que é a vida, de pedra. Mais tamén penso que non comprendo moi ben o fondo do poema xa que teño a impresión de que baixo eses versos hai algo máis.

Nos dous seguintes poemas a voz poética diríxese a un persoeiro, no primeiro a Xohán Miró que transmite agradecemento cara el e no segundo diríxese a Ánxel Ferran e a este pregúntalle o porqué de certas cousas, pide aclaracións.

En “DESTERRO” podo sentir a saudade da nosa terra, o terrible que é deixar o teu fogar porque nel corres perigo, ter que marchar ben lonxe, pensando que o regreso será unha vez que esteas morto, como en di o poema.

“FÁBULA DO HOME E DO LOBO”, coma toda fábula deixa unha moralexa que neste caso, e dende o meu punto de vista, é que o ser humano non é o superior, que temos moito que aprender e que tal e como di o poema “o mundo é malo porque está feito por ti”. Paréceme un poema moi bo e que todo debiamos ter en conta para decatarnos de que somos totalmente prescindibles. Incluso estamos a danar todo aquilo que nos rodea, buscamos liberdade e conseguimos represión, buscamos civilización e destruímola…

No seguinte poema, vese a importancia da comida e a felicidade que trae consigo un bocadiño, por ben pequeno que sexa. Vese tamén como a hora do xantar che converte nun ser honrado a pesar de que todo o demais sexa tristura.

Xa na metade do poemario seguimos vendo o predominio de todos aqueles sentimentos que acarrea consigo a guerra. No poema “EIQUÍ SERÁ” xa se ve como o pensamento xeneralizado da morte fai pensar no lugar onde prefires que a túa vida remate, onde prefires ficar por sempre, no teu fogar natal.

No poema “NON ME MIRES”, Celso Emilio intenta transmitir o duro que é ver todo o sufrimento dos do teu lado. O difícil que é ver como a xente morre, ou sofre, e ao mesmo tempo sufrir ti mesmo.

“TI E MAIS EU” paréceme un poema moi bonito que me fai sentir forte xa que me dá a sensación de que ao carón de quen un quere, de quen ris, choras, cantas, sofres… todos os momentos son máis amenos. Faime ver o importante do amor e da compañía.

“VIAXE DE VOLTA” dime a faime ver que Galicia estaba ou aínda está, inmensa na ignorancia. Está cargada de atrancos, de cercados que non nos deixan abrirnos ao mundo e desenvolvernos, e ver tamén que todo chega tarde, poñendo por exemplo a xustiza.

En “ANACOS DUNHA CARTA A UN POETA QUE VIVE EN MADRID” sinto as gañas de loitar polo que sexa, de izar a voz e gritar ben forte todo o que queira, gritar que son libre e nunca deixar de intentar conseguir o que me propoña.

Despois de ler “GOETHE” que é un pequeno poema con moita musicalidade, vexo como as cantidades e os bens non son felicidade, como é preferible o xusto ou moitas veces insuficiente e poder gozar dos momentos, a ter de todo e non poder facelo.

Desde o meu punto de vista “PROMETEO ENCADEADO” É un poema no que Celso Emilio quere transmitir a importancia da época a dicir o que cada un queira ou sinta, e de falar de liberdade. Transmíteme submisión.

Pola contra, o seguinte poema motívame a vivir a vida ao máximo, sen perder nin tan sequera un minuto xa que o que ten que chegar vai chegar igual queiramos ou non, e sempre ao seu tempo.

O seguinte poema faime estar orgullosa de ser quen son e ademais intentar crecer día a día conforme vaia vivindo experiencias, sempre tendo en conta que é o que me fai ser feliz, e polo tanto grande. Faime pensar tamén que para conseguilo non se necesitan grandes logros senón un conxunto deles que che deixen satisfeito por completo.

Despois de ler “INVERNO” decátome de que para min esta estación do ano tamén significa dor, tristeza, amargura… e ademais como moitos dos anteriores faime pensar nos malos tempos dos que está a falar Celso Emilio, e en certa medida sentir esa tristura.

Dáme a sensación de que me atopo un tanto sentimental e ao falar de orfandade véñenme á mente moitos sentimentos que me poñen pel de galiña e decátome de que a soidade ten que ser moi dura.

“DEITADO FRONTE AO MAR” é un poema que me gusta moito, que me fai sentir orgullosa de falar o galego coma a lingua natal que é para min. Faime forte para defendela ante todas as situacións ás que estea exposta e fai tamén, que pense que falo galego porque quero e ninguén ten que cuestionar a miña elección.

Este poema “O HÓRREO”, transmíteme dous sentimentos diferentes. Por un lado penso que moitas veces para traer ao noso corpo un brazo de felicidade é necesario recorrer ao pasado e pensar no bo daqueles tempos, que traen consigo moitos sentimentos de ledicia. E, por outra parte, tamén me di que a etapa da nenez é das máis felices, cando aínda non es consciente da realidade de vivir nun mundo “i tan inorme”.

“ROMANCE INCOMPLETO” faime pensar no pouco conformistas que somos, que nada nos chega e que todo o que temos nos parece pouco.

“O TEMPO SORPRENDIDO” paréceme un poema moi longo e non logro sentir moi ben o que quere transmitir o autor, pois cando estaba chegando ao final xa perdera o fío do principio polo que non me fixo pensar en nada característico.

Unha vez lido “UN PROBE POLA RÚA DA CIDADE” venme a mente aquel momento no que, nunha viaxe a Suíza lle dixen á miña nai que estaba abraiada coa cantidade de xente que había pedindo, que en Santiago, a cidade que máis frecuento, non había tanta. Disto xa fai uns anos e a día de hoxe decátome de que a cifra destes vai en aumento. Algúns con necesidades de verdade e outros que igual non tanta pero de todas formas, despois de ler o poema, espértase no meu interior un instinto de axuda xa que por ben pequena que esta sexa, pode que esteas contribuíndo a crear unha gran felicidade.

No seguinte poema interpreto a palabra irmán como todos aqueles galegos cos que comparto nacionalidade. Con el vénme á mente que os galegos estamos moi espallados polo mundo xa que creo recordar que na maioría dos sitios aos que viaxei me atopei con algún. Por outro lado, penso nos sentimentos entre irmáns biolóxicos, sentimentos que nunca puiden nin poderei sentir, pero que me parecen marabillosos.

“FAME” faime pensar en todos aqueles nenos e nenas que non teñen nin un bocado que levar á boca e en toda aquela comida que desprezamos polo simple feito de que non nos gusta ou está algo pasada. Fai que sinta dor e unha grande pena, ademais de sentirme agradecida de gozar de toda a comida que se me antolle.

Finalmente, rematando xa o libro, éncheseme o corazón de sentimentos, sentimentos de todo tipo predominando a tristeza e o consolo. A modo resume, podo dicir que o poemario denuncia a desigualdade social, trata sobre a emigración, as presións políticas e aboga pola liberdade e a paz.

Dicir tamén que a pesares de non gustarme moito a poesía, desfrutei moito lendo este poemario e intentarei practicar este tipo de lectura máis veces.

Laura Louro Vázquez
2º Bacharelato

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s