Arquivo por meses: Marzo 2017

Historias da mascota da Biblioteca

CHURRI O AVIADOR

Esta é a historia de Churri, o gran aviador. Churri é un paxaro raro, parece moitas aves distintas, pero non é unha determinada especie. Churri non é capaz de voar, desde pequeno sempre quixo poder voar, mais non puido. Churri é orfo. Cando saíu do ovo, seus pais non estaban. Leva vivindo só por sete anos.

Un día ocorréuselle unha idea: construiría unha máquina capaz de voar. Churri puxo mans á obra, quería cumprir o seu soño. Traballou sen parar oito días e oito noites. Cando rematou non paraba de dar brincos de alegría. O seu soño estaba a piques de facerse realidade. Subiu na máquina á que decidiu chamar: O Rei dos Ceos. Arrincouna, pero non ía. Churri non entendía o porqué. Intentouno todo o día, mais sen éxito. Ao día seguinte volveuno intentar, nada. Cambiou o combustible, por se fallara por iso. Tampouco funcionou. Ollou se había algún defecto, pero todo estaba ben. Intentouno varios días e nada.

Tras moitos intentos deuse conta do que fallaba. Unha peza estaba mal colocada. Púxoa ben e decidiu probar sorte. E a sorte estaba do seu lado. Ao cabo de tres horas O Rei dos Ceos xa estaba listo para voar. Churri montou na máquina e púxose a contar para atrás:
3…, 2…, 1…, despegamos!!! Churri estaba contentísimo, por fin podería saber o que era voar! Voou todo o que quixo durante moito tempo.

Un día, mentres voaba, topou cun avión e caeu a terra. Rompeu dúas ás e unha pata. Mentres estivo ingresado, aínda que estable, déronlle o premio Nobel por inventar un artefacto ecolóxico sen axuda.

Na actualidade vive na biblioteca do Campo de San Alberto de Noia. Como chegou alí?
Iso xa é outra historia.

Aarón Insua – 1º ESO

 

 

CHURRI O AVIADOR

Había unha vez un pingüín chamado Churri. Este pingüín só tiña a súa nai porque segundo ela ao pai de Churri levárono unhas persoas desalmadas para outro lugar. Dende pequeniño quería voar, mais como era un pingüín non podía. Cando tiña tres anos intentou voar por primeira vez pero non era capaz. Unha vez ata intentou tirarse dende unha montaña moi alta, pero esnafrouse no chan.Dende aquela Churri quere voar como as pombas. El sempre lle preguntaba a súa nai por que non podía e ela dicíalle que non o sabía, que daba igual, que voar era unha parvada.

Pero Churri non se rendía. Cando tiña nove anos unhas persoas levárono de onde vivía e separárono da súa nai. Ao chegar ao seu destino Churri espertou nun lugar moi estraño onde non había neve e só vía edificios moi altos. Estaba na cidade! Levárono a unha tenda onde se vendía animais pero ninguén o escollía, así que unha noite Churri escapou da tenda. Vagou polas rúas sen poder voar e vendo como si o facían as pombas. El sentíase moi triste.

Un día unha pomba acercouse e preguntoulle:
— Que che pasa?
E Churri contestoulle:
— Nada, e que eu quería voar coma ti, pero non son capaz.
— Non pasa nada, eu ensínoche.

Churri aceptou. Os dous foron ata o tellado dunha casa e alí a pomba díxolle que saltase, mais Churri contestoulle que se ía esnafrar. Despois de discutir unha hora, decidiuse a saltar. E entón caía e caía e caía e caía e caía e caía, pero no último segundo, Churri empezou a voar!

Foi entón cando descubriu que era metade pingüín e metade pomba e dende entón converteuse en Churri o aviador.

Na actualidade vive na biblioteca do Campo de San Alberto de Noia. Como chegou alí?
Iso xa é outra historia.

Iago Ávila – 1º ESO

 

 

CHURRI A POMBA VOADORA DA PAZ

Había unha vez unha pomba que levaba facendo o seu traballo durante moitos anos. O seu deber era que cando encontraba unha situación crítica onde había conflito, ir coa súa avioneta máxica, pasar por riba e botar pos máxicos que facían que houbese paz.

A pomba estaba moi contenta do seu traballo, mais xa era vella e custáballe cada vez máis manexar os mandos da avioneta. Estaba pensando en colgar no percheiro as gafas de aviador e os seus pos, cos que por certo facía trucos de maxia.

Un día Churri estaba na casa mirando o telexornal cando de repente veu unha noticia que a deixou coa boca aberta… o goberno de Donald Trump proclamara a guerra contra México, Siria, Irán, Iraque e Afganistán. Case lle dá un infarto, non paraba de dicir:

— A ver como paro eu isto, se non fago nada o planeta farase anacos! Ai… que fago!

Estaba desesperada ata que decidiu pórse a traballar en plena noite: ía facer unha morea de pos máxicos, durante todas a noite para poder parar os dous exércitos e aumentar o depósito para que lle collesen máis pos.

Era o día, Churri ía facer un milagre… para unha guerra tremebunda… un, dous, tres… alá foi.

De momento a cousa ía ben, todo estaba saíndo á perfección, os pos facían un bo efecto. Xa quedaban uns poucos cando… Booom! Un mísil impactara cunha das ás da avioneta, a avioneta e Churri estaban a caer en picado e ela non era capaz de coller o paracaídas… ata que… Booom! A avioneta non sobreviviu nin os seus pos, pero ela si, saltou cando estaban a poucos metros da terra… e saíu ilesa.

Cando foi xunto a avioneta estaba feita anacos. Perdera o seu obxecto máis apreciado, xa non podía voar máis e perdera o seu traballo.

Churri estaba moi triste, mais por outro lado estaba contenta porque fixera un traballo excelente… non sabía se chorar ou alegrarse. Estaba entre México e EEUU e deuse conta de que a súa avioneta ao impactar non só levara moitos metros de fronteira e dixo:

— Beeeen, mira o lado bo, así Trump terá que gastar máis cartos en facer o muro.

Entón pensou:

— Ai, que vou facer agora!

Despois dun tempo trasladárona ata Galiza que era onde vivía e foi recoñecida polo seu traballo e ofrecéronlle unha avioneta para que puidese seguir facendo o seu traballo, mais ela dixo:

— Non quero ningunha avioneta, xa son vella e estou moi cansa… agora tócavos a vós, eu xa cumprín co meu traballo, agora vós tedes que traballar pola paz, porque se o facedes viviredes moito mellor.

E así foi, anos máis tarde o mundo cambiara, era distinto: xa non había nin guerras nin atentados, nin nada diso e o máis importante: sabíamos vivir felizmente entre todos.

Manuel Martínez – 1º ESO

Antroido

O EDLG, Biblioteca e Vicedirección organizaron un festival de antroido no centro coa participación dos titores que quixeron preparar unha coreografía para a ocasión.
O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Patrimonio interpretou un tema relacionado co Proxecto “Portus Apostoli”.
A interpretación de 2º de ESO destacou pola súa boa execución.
Tamén participaron alumnos/as do Ciclo de Administración e Finanzas.
Finalmente levaron o premio, consistente nunha excursión a final de curso, o alumnado de 1º e 4º de ESO.
Este último sorprendeu co derribo do muro da fronteira de México de Donald Trump.

Tamén houbo un concurso de sobremesas de antroido no que foi difícil decidir os premios!