CHURRI O AVIADOR
Un día ocorréuselle unha idea: construiría unha máquina capaz de voar. Churri puxo mans á obra, quería cumprir o seu soño. Traballou sen parar oito días e oito noites. Cando rematou non paraba de dar brincos de alegría. O seu soño estaba a piques de facerse realidade. Subiu na máquina á que decidiu chamar: O Rei dos Ceos. Arrincouna, pero non ía. Churri non entendía o porqué. Intentouno todo o día, mais sen éxito. Ao día seguinte volveuno intentar, nada. Cambiou o combustible, por se fallara por iso. Tampouco funcionou. Ollou se había algún defecto, pero todo estaba ben. Intentouno varios días e nada.
Tras moitos intentos deuse conta do que fallaba. Unha peza estaba mal colocada. Púxoa ben e decidiu probar sorte. E a sorte estaba do seu lado. Ao cabo de tres horas O Rei dos Ceos xa estaba listo para voar. Churri montou na máquina e púxose a contar para atrás:
3…, 2…, 1…, despegamos!!! Churri estaba contentísimo, por fin podería saber o que era voar! Voou todo o que quixo durante moito tempo.
Un día, mentres voaba, topou cun avión e caeu a terra. Rompeu dúas ás e unha pata. Mentres estivo ingresado, aínda que estable, déronlle o premio Nobel por inventar un artefacto ecolóxico sen axuda.
Na actualidade vive na biblioteca do Campo de San Alberto de Noia. Como chegou alí?
Iso xa é outra historia.
Aarón Insua – 1º ESO
CHURRI O AVIADOR
Pero Churri non se rendía. Cando tiña nove anos unhas persoas levárono de onde vivía e separárono da súa nai. Ao chegar ao seu destino Churri espertou nun lugar moi estraño onde non había neve e só vía edificios moi altos. Estaba na cidade! Levárono a unha tenda onde se vendía animais pero ninguén o escollía, así que unha noite Churri escapou da tenda. Vagou polas rúas sen poder voar e vendo como si o facían as pombas. El sentíase moi triste.
Un día unha pomba acercouse e preguntoulle:
— Que che pasa?
E Churri contestoulle:
— Nada, e que eu quería voar coma ti, pero non son capaz.
— Non pasa nada, eu ensínoche.
Churri aceptou. Os dous foron ata o tellado dunha casa e alí a pomba díxolle que saltase, mais Churri contestoulle que se ía esnafrar. Despois de discutir unha hora, decidiuse a saltar. E entón caía e caía e caía e caía e caía e caía, pero no último segundo, Churri empezou a voar!
Foi entón cando descubriu que era metade pingüín e metade pomba e dende entón converteuse en Churri o aviador.
Na actualidade vive na biblioteca do Campo de San Alberto de Noia. Como chegou alí?
Iso xa é outra historia.
Iago Ávila – 1º ESO
CHURRI A POMBA VOADORA DA PAZ
A pomba estaba moi contenta do seu traballo, mais xa era vella e custáballe cada vez máis manexar os mandos da avioneta. Estaba pensando en colgar no percheiro as gafas de aviador e os seus pos, cos que por certo facía trucos de maxia.
Un día Churri estaba na casa mirando o telexornal cando de repente veu unha noticia que a deixou coa boca aberta… o goberno de Donald Trump proclamara a guerra contra México, Siria, Irán, Iraque e Afganistán. Case lle dá un infarto, non paraba de dicir:
— A ver como paro eu isto, se non fago nada o planeta farase anacos! Ai… que fago!
Estaba desesperada ata que decidiu pórse a traballar en plena noite: ía facer unha morea de pos máxicos, durante todas a noite para poder parar os dous exércitos e aumentar o depósito para que lle collesen máis pos.
Era o día, Churri ía facer un milagre… para unha guerra tremebunda… un, dous, tres… alá foi.
De momento a cousa ía ben, todo estaba saíndo á perfección, os pos facían un bo efecto. Xa quedaban uns poucos cando… Booom! Un mísil impactara cunha das ás da avioneta, a avioneta e Churri estaban a caer en picado e ela non era capaz de coller o paracaídas… ata que… Booom! A avioneta non sobreviviu nin os seus pos, pero ela si, saltou cando estaban a poucos metros da terra… e saíu ilesa.
Cando foi xunto a avioneta estaba feita anacos. Perdera o seu obxecto máis apreciado, xa non podía voar máis e perdera o seu traballo.
Churri estaba moi triste, mais por outro lado estaba contenta porque fixera un traballo excelente… non sabía se chorar ou alegrarse. Estaba entre México e EEUU e deuse conta de que a súa avioneta ao impactar non só levara moitos metros de fronteira e dixo:
— Beeeen, mira o lado bo, así Trump terá que gastar máis cartos en facer o muro.
Entón pensou:
— Ai, que vou facer agora!
Despois dun tempo trasladárona ata Galiza que era onde vivía e foi recoñecida polo seu traballo e ofrecéronlle unha avioneta para que puidese seguir facendo o seu traballo, mais ela dixo:
— Non quero ningunha avioneta, xa son vella e estou moi cansa… agora tócavos a vós, eu xa cumprín co meu traballo, agora vós tedes que traballar pola paz, porque se o facedes viviredes moito mellor.
E así foi, anos máis tarde o mundo cambiara, era distinto: xa non había nin guerras nin atentados, nin nada diso e o máis importante: sabíamos vivir felizmente entre todos.
Manuel Martínez – 1º ESO