Arquivo por meses: Abril 2017

Faladoiro sobre Carlos Casares

O mércores 19 de abril tivo lugar no IES Campo de San Alberto un faladoiro sobre a figura de Carlos Casares, dentro dos actos Mes Cultural “Do libro ás letras” que cada ano organizan os equipos da Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega do centro, para enmarcar o Día do Libro e o Día das Letras Galegas.

Neste encontro tivemos a oportunidade de contar coa presenza de Hakan Casares, fillo do autor, que se manifestou agradecido polo recoñecemento público da figura do escritor para logo facer un repaso moi ameno e ilustrativo dos principais aspectos e anécdotas da súa vida tanto persoal como profesional baixo a atenta mirada do alumnado de 2º de bacharelato.

A charla completouse co recordo dunha mesa de debate co propio Casares hai 20 anos por parte de Xavier Castro, director do IES Virxe do Mar e especialista en Lingua e Literatura Galegas, quen ademais destacou a faceta literaria e xornalística do autor enmarcado no seu tempo.

A profesora do centro Noemí Pazó contribuíu ao evento coa escoita de “A galiña azul” nun disco de vinilo dos anos 70, unha curiosidade que sorprendeu gratamente ao alumnado.

Outras actividades encadradas no Mes Cultural do IES Campo de San Albertos serán encontros con escritores como Suso de Toro e Marina Mayoral.

Advertisement

Teatro no Coliseo Noela

O alumnado de 2º e 4º da ESO saíu ao Teatro Coliseo Noela en Noia o 18 de Abril para ver a obra Cousas, de Castelao polo grupo “Os Quinquilláns” grazas a unha iniciativa do grupo editorial Galaxia que proporcionou os libros de lectura obrigatoria para o alumnado.
Esta actividade realízase con motivo do 130 aniversario do nacemento do autor.
Acompañaron ao alumnado as profesoras de lingua Rosa Conde e Noemí Pazó.

Exposición de fotografía «Criaturas»

Poderase visitar na entrada do centro dende o 19 de abril ao 19 de maio, con motivo do Mes Cultural “Do libro ás letras galegas”.

“Criaturas” é o resultado dunha deriva creadora a través dos espazos intermareais. Un traballo a medio camiño entre a escultura, o relato de viaxe, a fotografía e a instalación no que se recolle, a modo de bestiario ou colección de naturalista, o que o voo libre da imaxinación vai creando cos restos que o mar deposita nesa liña compartida coa terra.

O traballo do autor pódese consultar en http://www.jvalenciano.com

Mes Cultural 2017

O Mes Cultural este ano terá lugar do 18 de abril ao 18 de maio.

Homenaxearase a figura de Carlos Casares, autor a quen se lle adica este ano o día das Letras Galegas coa celebración dun Faladoiro sobre o escritor no que estará presente o seu fillo Håkan Casares e máis Xavier Castro, director do IES Virxe do Mar, que vén en calidade de profesor especialista en Lingua e Literatura Galegas.

Teremos como convidados a Luís Avilés, fillo de Antón Avilés de Taramancos, de quen se celebrou este ano o 25 aniversario do seu pasamento, para que nos fale do seu pai. No acto contaremos tamén coa presenza de Pilar Sampedro.

Outros convidados serán os escritores Suso de Toro e Marina Mayoral.

O mes completarase con saídas ao teatro e actividades organizadas polos diferentes departamentos.

Contaremos ademais coa exposición ” Criaturas” de Jorge García Valenciano.

Certame Literario Letras Galegas 2017

LETRAS GALEGAS 2017
IES CAMPO DE SAN ALBERTO – IES VIRXE DO MAR

BASES

a. Poderán concorrer a este certame literario os alumnos e alumnas matriculados/as en calquera dos dous centros educativos no presente curso académico 2016-2017.
b. Establécense tres niveis de participación nas modalidades de RELATO e POESÍA:
NIVEL 1.-Alumnado Primeiro Ciclo da ESO.
NIVEL 2.-Alumnado Segundo Ciclo da ESO.
NIVEL 3.-Alumnado Bacharelato e Ciclos Formativos.
c. En cada nivel concederanse dous premios (que poderán quedar desertos) correspondentes ás modalidades de RELATO e POESÍA. A contía dos premios será de 60 euros. De estimarse oportuno, o xurado poderá outorgar algún accésit.
d. De cada traballo achegaranse tres copias mecanografadas dentro dun sobre pechado no que constará:
– LEMA ou PSEUDÓNIMO do alumno/a.
– NIVEL no que se participa.
– MODALIDADE (relato ou poesía).
Dentro do sobre grande irá outro máis pequeno pechado, co mesmo lema ou pseudónimo, onde se incluirá:
– NOME E APELIDOS.
– CURSO, GRUPO e CENTRO no que está matriculado/a.
e. O tema e extensión serán libres e os traballos entregaranse nas Secretarías dos Institutos antes das 12:00 horas do día 11 de maio de 2017. A entrega dos premios realizarase no IES Virxe do Mar o día 19 na hora que se comunicará oportunamente.
f. O xurado estará formado por membros dos EDLG e o seu fallo será inapelable.
g. A presentación ao Certame, implica a aceptación das devanditas bases.