Arquivo da categoría: Certame literario

Outras actividades do Mes Cultural

Dentro do apartado de charlas tivemos a oportunidade de contar con Marina Mayoral; a escritora galega afincada en Madrid falou para o alumnado de 2º da ESO, Club de Lectura e FP Básica sobre a súa obra, «Tristes Armas», de lectura obrigatoria durante este curso. Pola súa banda, Suso de Toro veu dar unha charla ao alumnado de 3º da ESO, FP Básica e Club de Lectura acerca da súa obra «A sombra cazadora». Cunha charla de Luis Avilés e Pilar Sampedro celebramos unha homenaxe ao poeta Avilés de Taramancos. Por último, e xa fóra do Mes Cultural tivemos a presenza de David Pérez Iglesias, premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, coa súa obra «Todo o tempo do mundo», de lectura obrigatoria no 3º trimestre en 1º da ESO.

O alumnado do ciclo de Administración e Finanzas así como o de educación para adultos dos módulos 2 e 4 da ESA e os da EBI asistiron á proxección de «Cruzando a fronteira», documental protagonizado por estes últimos e no que contan a súa experiencia coa emigración dentro dun proxecto pertencente a un Programa Erasmus + que tivo lugar no centro os dous últimos anos sendo o profesor de ensinanzas para adultos, Suso Montero, o seu coordinador.

No apartado de teatro realizamos unha saída a Santiago con alumnado de 1º Bach para ver a versión de Talía Teatro de «Os mortos daquel verán», mentres que o grupo de teatro do instituto ensaia «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas», que se estreará o vindeiro curso.

Outras actividades realizadas foron a edición das libretiñas calendario adicadas ao autor homenaxeado nas letras galegas e a dos contos premiados durante o curso, así como a resolución de enigmas con códigos QR e as Mochilas Solidarias, actividade levada a cabo polo voluntariado da Biblioteca Escolar e EDLG, que consiste en poñer a disposición dos maiores da Residencia dúas mochilas con diferentes propostas de lectura: Revistas (National Geographic, Investigación y Ciencia, O Papagaio, a nosa revista escolar Entrepontes…)

Por último celebramos a entrega dos premios do Certame Literario «Alberto Romasanta» que este ano tivo lugar no IES Virxe do Mar.

Advertisement

Certame Literario Letras Galegas 2017

LETRAS GALEGAS 2017
IES CAMPO DE SAN ALBERTO – IES VIRXE DO MAR

BASES

a. Poderán concorrer a este certame literario os alumnos e alumnas matriculados/as en calquera dos dous centros educativos no presente curso académico 2016-2017.
b. Establécense tres niveis de participación nas modalidades de RELATO e POESÍA:
NIVEL 1.-Alumnado Primeiro Ciclo da ESO.
NIVEL 2.-Alumnado Segundo Ciclo da ESO.
NIVEL 3.-Alumnado Bacharelato e Ciclos Formativos.
c. En cada nivel concederanse dous premios (que poderán quedar desertos) correspondentes ás modalidades de RELATO e POESÍA. A contía dos premios será de 60 euros. De estimarse oportuno, o xurado poderá outorgar algún accésit.
d. De cada traballo achegaranse tres copias mecanografadas dentro dun sobre pechado no que constará:
– LEMA ou PSEUDÓNIMO do alumno/a.
– NIVEL no que se participa.
– MODALIDADE (relato ou poesía).
Dentro do sobre grande irá outro máis pequeno pechado, co mesmo lema ou pseudónimo, onde se incluirá:
– NOME E APELIDOS.
– CURSO, GRUPO e CENTRO no que está matriculado/a.
e. O tema e extensión serán libres e os traballos entregaranse nas Secretarías dos Institutos antes das 12:00 horas do día 11 de maio de 2017. A entrega dos premios realizarase no IES Virxe do Mar o día 19 na hora que se comunicará oportunamente.
f. O xurado estará formado por membros dos EDLG e o seu fallo será inapelable.
g. A presentación ao Certame, implica a aceptación das devanditas bases.