Arquivo da categoría: Outras actividades

Outras actividades do Mes Cultural

Dentro do apartado de charlas tivemos a oportunidade de contar con Marina Mayoral; a escritora galega afincada en Madrid falou para o alumnado de 2º da ESO, Club de Lectura e FP Básica sobre a súa obra, «Tristes Armas», de lectura obrigatoria durante este curso. Pola súa banda, Suso de Toro veu dar unha charla ao alumnado de 3º da ESO, FP Básica e Club de Lectura acerca da súa obra «A sombra cazadora». Cunha charla de Luis Avilés e Pilar Sampedro celebramos unha homenaxe ao poeta Avilés de Taramancos. Por último, e xa fóra do Mes Cultural tivemos a presenza de David Pérez Iglesias, premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, coa súa obra «Todo o tempo do mundo», de lectura obrigatoria no 3º trimestre en 1º da ESO.

O alumnado do ciclo de Administración e Finanzas así como o de educación para adultos dos módulos 2 e 4 da ESA e os da EBI asistiron á proxección de «Cruzando a fronteira», documental protagonizado por estes últimos e no que contan a súa experiencia coa emigración dentro dun proxecto pertencente a un Programa Erasmus + que tivo lugar no centro os dous últimos anos sendo o profesor de ensinanzas para adultos, Suso Montero, o seu coordinador.

No apartado de teatro realizamos unha saída a Santiago con alumnado de 1º Bach para ver a versión de Talía Teatro de «Os mortos daquel verán», mentres que o grupo de teatro do instituto ensaia «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas», que se estreará o vindeiro curso.

Outras actividades realizadas foron a edición das libretiñas calendario adicadas ao autor homenaxeado nas letras galegas e a dos contos premiados durante o curso, así como a resolución de enigmas con códigos QR e as Mochilas Solidarias, actividade levada a cabo polo voluntariado da Biblioteca Escolar e EDLG, que consiste en poñer a disposición dos maiores da Residencia dúas mochilas con diferentes propostas de lectura: Revistas (National Geographic, Investigación y Ciencia, O Papagaio, a nosa revista escolar Entrepontes…)

Por último celebramos a entrega dos premios do Certame Literario «Alberto Romasanta» que este ano tivo lugar no IES Virxe do Mar.

Advertisement

#RosalíaTe

Este é o traballo que fixemos no IES Campo de San Alberto de Noia para conmemorar o Día de Rosalía a raíz da iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Está elaborado polo alumnado de Imaxe e Son de 2º Bacharelato coa axuda do seu profesor Manuel Torres e a colaboración do alumnado dos equipos de Normalización, Biblioteca e Rede Solidaria do centro.

É ademais unha homenaxe a Fran Pérez, Narf que musicou os poemas de Rosalía no disco “As tardes escuras” do que sacamos o tema “Bos amores” poema pertencente a Follas Novas.

Difundídeo nas redes con
# RosalíaTe

Oxalá vos guste e grazas a todo o alumnado participante.

Día de Rosalía

A raíz do convite da Asociación de Escritores en Lingua Galega aos centros para celebrarmos o Día de Rosalía coa realización dun mannequin challenge, o alumnado de Imaxe e Son de 2º Bacharelato púxose mans á obra e está a montar as imaxes da gravación que tivo lugar no centro coa participación de alumnado do equipo de normalización, da rede solidaria e voluntarios da biblioteca.

O resultado verédelo o 24 de febreiro, día de Rosalía.

Día contra a violencia de xénero

O EDLG do centro xunto co equipo da Biblioteca e o alumnado da Rede Solidaria organizaron dúas actividades para destacar o Día contra a Violencia de Xénero no centro.

A primeira delas consistiu na colocación de postits con mensaxes ou lemas por parte de todo o alumnado que o desexase previa preparación do tema na aula co profesorado voluntario. Os paneis para colocalos e a rotulación foron deseñados polo alumnado de Plástica coa profesora Rosabel Lozano.

Na segunda actividade o alumnado tiña que relacionar fragmentos de letras de cancións de “reggaeton” co significado que agochan.

A Biblioteca tamén sacou ao corredor unha selección de libros relacionados con esta temática.

Parécenos moi importante realizar estas actividades sobre un tema tan delicado, aínda que sexan pequenas e simbólicas achegas e a sabendas de que se trata de algo que debemos traballar non só un día, senón os 365 días do ano.