#RosalíaTe

Este é o traballo que fixemos no IES Campo de San Alberto de Noia para conmemorar o Día de Rosalía a raíz da iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Está elaborado polo alumnado de Imaxe e Son de 2º Bacharelato coa axuda do seu profesor Manuel Torres e a colaboración do alumnado dos equipos de Normalización, Biblioteca e Rede Solidaria do centro.

É ademais unha homenaxe a Fran Pérez, Narf que musicou os poemas de Rosalía no disco “As tardes escuras” do que sacamos o tema “Bos amores” poema pertencente a Follas Novas.

Difundídeo nas redes con
# RosalíaTe

Oxalá vos guste e grazas a todo o alumnado participante.

Advertisement

Día de Rosalía

A raíz do convite da Asociación de Escritores en Lingua Galega aos centros para celebrarmos o Día de Rosalía coa realización dun mannequin challenge, o alumnado de Imaxe e Son de 2º Bacharelato púxose mans á obra e está a montar as imaxes da gravación que tivo lugar no centro coa participación de alumnado do equipo de normalización, da rede solidaria e voluntarios da biblioteca.

O resultado verédelo o 24 de febreiro, día de Rosalía.

Outro conto de medo

SOÑO OU REALIDADE?

Os pesadelos son algunhas veces tan reais que custa saber se un está esperto ou non. Pero coidado… Ás veces o gran misterio é como conservamos o recordo do soño coma se fose real aínda que as probas dos pesadelos se esvaezan …

Era o típico sábado de inverno, un día de choiva e frío. Era xa noite pechada cando cheguei a casa. Estaba exhausto, botara todo o día a traballar e apenas durmira a noite anterior. Boteille a Michi a súa ración de comida que dous días antes lle reducira o veterinario por cuestión de sobrepeso; acto seguido fixen un bocadillo de tortilla para min. Hoxe non me apetecía acender a tele, prefería gozar do son da forte choiva batendo na ventá do salón. Cando acabei subín ao meu cuarto, púxenme o pixama e deiteime a durmir con Michi.

Amencera un día claro, os raios de sol que traspasaban as cortinas dábanme de cheo na cara, era unha sensación agradable, aínda así ía bastante frío. Como era cedo e non tiña nada que facer decidín quedar na cama, tapadiño, mirando pola ventá as nubes. Medio durmido , escoito como a porta do cuarto se abre pouco a pouco , e vexo unha figura humana entrar sixilosamente. Examínoa con atención, era unha muller, tiña un aspecto espantoso: unha pel de cor escura e apagada, o rostro inchado e a mirada sombría. Eu, atónito fágome o durmido coma se non me estivese decatando de nada, polo rabo do ollo vexo como a muller comeza a abrir os caixóns e os armarios, cada vez achegábase máis a min; nisto, quita unha corda e átame os pés á cama.

De repente a estraña muller salta sobre o colchón e queda a carón meu. Impactado á vez que aterrorizado, non sabía que facer, érame imposible mover os pés, as mans tíñaas por dentro das mantas e era demasiado precipitado movelas. Non era quen de berrar tampouco, pois sabía que ninguén me ía escoitar. A miña “visitante” mentres tanto cheirábame a cara, as meixelas, a fronte … Presa do pánico aínda tiven tempo a idear un plan que me podía salvar. Ela estirouse cara arriba para cheirarme o cabelo, non o pensei dúas veces … abalanceime sobre o seu pescozo e mordina con tanta forza que os meus dentes resgaron a carne da muller deixándoa morta no chan.

Quedei apampado, non cría o que acababa de ocorrer, volvinme a deitar na cama mirando ao teito, nervioso e hiperventilando, refregaba os ollos unha e outra vez. Pouco despois erguinme para desatarme os pés pero … non había corda, só estaba Michi esmagándome. Sorprendido, mirei para o chan para ver á muller, pero non estaba, busquei entre as sabas o charco de sangue que deixara despois de resgarlle todo o pescozo , pero só atopei un charco de suor na almofada. Todo fora un pesadelo, deses que che xogan unha mala pasada e fan cuestionarse a un mesmo se é un soño ou unha realidade.

Estaba famento, collín a bata, as zapatillas e baixei para facerme o almorzo, baixo as escaleiras e nada máis entrar na cociña case me dá algo, un vaso de zume de laranxa unas torradas con marmelo e un tazón de café esperábanme na mesa.

Que demos estaba a pasar !?

Marta
4º ESO

1º Premio Contos de Medo

A SÚA MENSAXE

Non quería estar alí. A voz dos nenos que naquel coro cantaban, seguía na miña cabeza. A igrexa non era alegre dende que el nos arrebatara a música. A xente vestía de negro, e levaba a cara tapada. A morte de curas e monxas na parroquia, arrepiaba aos veciños. Xa ninguén daba a misa, non se predicaba a mensaxe de Deus. Só estabamos alí, cada domingo, pola forza que exercía el.

Pero foi un domingo de inverno, no que todo empeorou.
Chovía moito, e como de costume, ás dez e media as campanadas chamábannos ao encontro. Iamos chegando, e cada un sabía exactamente o que tiña que facer. Sentabamos nun banco que tiñamos asignado, e só esperabamos a comezar a sentir a súa forza. Sentiamos a súa dor, a súa carraxe…

Pero este día pareceu só afectarme a min. A dor facíame berrar como se estivera tolo. Non podía soportar, non o aguantaba. A súa alma negra agora estaba dentro de min. Comecei a escoitar gargalladas. Mirei á miña dereita e estaba unha señora de pelo branco. Non puden verlle a cara, pero deseguido achegouse a min.
Cada vez as gargalladas oíanse máis preto. A señora, agarroume o pescozo, e foi aí cando sentín a dor da morte.

Fin

Paula Places Horta
2º ESO

Teatro «Bicos con lingua»

O pasado luns 16 de xaneiro o alumnado de 4º de ESO asistiu á representación da obra “Bicos con lingua” da compañía Talía Teatro. Os actores Artur Trillo e Toño Casais protagonizaron un espectáculo no que, a través de diversas situacións cotiás, faise unha fonda reflexión sobre a situación da lingua galega.

teatro4eso