«Longa noite de pedra» Diario de lectura

Longa noite de pedra

Celso Emilio Ferreiro

Longa noite de pedra é a obra máis representativa e importante de Celso Emilio Ferreiro, publicada en 1962 e encadrada dentro da lírica galega da posguerra.

En realidade, a min non me gusta moito ler poesía, se podo elixir sempre me decanto pola narrativa, ou incluso polo teatro. Ademais, non teño práctica á hora de ler un poemario porque non lin moitos. A pesar diso, comezo o libro con esperanzas de que me sexa fácil de ler e me entreteña.

A impresión que teño despois de ler o primeiro poema é de tristeza e compaixón. Imaxino un pobo triste, escuro, sen vida…. O segundo xunto co terceiro, faime ver o gran cambio que lles tocou vivir a esas xeracións. Como todo pasou de ser ledo, agarimoso, alegre… a ser simplemente pedra, represión, medo… En xeral podo sentir o cambio que produciu a guerra na sociedade.

Seguir lendo

Día da Ciencia en Galego

O departamento de Física e Química adoita colaborar tódolos cursos co Equipo de Normalización do noso Instituto para celebrar o día da “Ciencia en galego”. Dende a coordinadora, para este ano 2016 estableceuse como o “ano internacional das legumes”. Dado que parece un tema para tratar mellor no ámbito da Bioloxía, decidimos celebrar este día cunha proposta diferente e dirixida a alumnado de 3º de ESO.

A actividade consistiu en darlle un carácter máis xenérico “Día da Química en galego” coa idea de impulsar a divulgación desta disciplina e sensibilizar á sociedade en xeral e ao alumnado en particular sobre a súa importante aportación á mellora da calidade de vida das persoas, contribuíndo así ao seu desenvolvemento. Este día da Química ou da Ciencia en galego celébrase en torno ao día 15 de Novembro, podendo ser posible variar a data e sempre durante o mes de Novembro.

Este curso por problemas organizativos, consideramos celebralo os días 19 e 20 de Decembro, despois de que o alumnado rematara os exames da 1ª Avaliación.

A actividade consistiu na organización de varios equipos (en algún caso, alumnado individual) que seleccionaron os seguintes temas (incluso co mesmo tema, realizaron o estudo con diferentes perspectivas):

A Química e a saúde.
A Química e a alimentación.
A Química e a tecnoloxía.
A Química e a industria.
A Química e a agricultura.
A Química e o transporte.

Cada traballo debería ter un logo e un eslogan. Recopilaron imaxes, táboas, fotografías, gráficas, etc, relacionadas co tema, e elaboraron un póster que utilizaron despois, ao igual que unha presentación, para expoñer o traballo ao resto do compañeiros/as. Cada grupo ou persoa presentou o seu traballo e o resto propuxeron preguntas sobre a temática.

Como conclusión se lles preguntaba, que aprendiches sobre as aplicacións da Química nesta actividade?Existen máis sectores ou campos de aplicación da Química, aparte dos traballos citados nesta actividade?. Indica exemplos concretos.

Finalmente votamos o slogan entre os presentados:

“Non caves a túa tumba co teu propio coitelo e garfo”
“Cada alimento ten o seu elemento”
“Natureza non tan natural”
“A Química vai da man da tecnoloxía”
“Sen Química non hai saúde”
“A Química base do modo de vida actual cas súas ventaxas e os seus inconvintes”

O mellor valorado foi “Cada alimento ten o seu elemento”

Charla de María López Sández

Este pasado luns 12 de decembro, María López Sández acudiu ao centro para dar unha charla sobre o seu libro “O faro escuro”, libro que leu o alumnado de 3º da ESO no primeiro trimestre. A escritora contoulles o proceso de creación da novela, desde a inspiración para a creación de algúns personaxes e situacións, ata as suxestións realizadas por unha fareira que axudaron a dar un maior realismo ao texto.

maria-lopez_600

Día contra a violencia de xénero

O EDLG do centro xunto co equipo da Biblioteca e o alumnado da Rede Solidaria organizaron dúas actividades para destacar o Día contra a Violencia de Xénero no centro.

A primeira delas consistiu na colocación de postits con mensaxes ou lemas por parte de todo o alumnado que o desexase previa preparación do tema na aula co profesorado voluntario. Os paneis para colocalos e a rotulación foron deseñados polo alumnado de Plástica coa profesora Rosabel Lozano.

Na segunda actividade o alumnado tiña que relacionar fragmentos de letras de cancións de “reggaeton” co significado que agochan.

A Biblioteca tamén sacou ao corredor unha selección de libros relacionados con esta temática.

Parécenos moi importante realizar estas actividades sobre un tema tan delicado, aínda que sexan pequenas e simbólicas achegas e a sabendas de que se trata de algo que debemos traballar non só un día, senón os 365 días do ano.

Ata sempre, benquerido.

A lúa no perixeo
veu
con fame de estrelas

trala noite
inflamada de soños
chea

sedenta de poesía
levouse o poeta

A lúa no perixeo
veu
con fame negra.

Fran Pérez, NARF deixounos orfos de beleza.
Cun extraordinario e innato talento musical unido á súa sensibilidade artística e creadora, regalounos xoias marabillosas como estas dúas versións de poemas de García Lorca e de Rosalía.

Botarémolo sempre en falta.